A praza da Gándara acollerá un novo obradoiro de "Chef solar e alimentación saudable"

Versión para impresoraEnviar a un amigo
bell-pepper-569070_1920 (1).jpg

Estudaranse conceptos ecolóxicos e técnicas de uso da enerxía solar a través de actividades lúdicas e formativas

A praza da Gándara acollerá este sábado, día 19, un novo obradoiro de “Chef solar e alimentación saudable”, do programa municipal “Narón en Transición”. O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, indicou que a cita se desenvolverá entre as 11.00 e as 14.00 horas e atendendo a todas as medidas establecidas para a prevención da Covid-19 debido á actual situación de emerxencia sanitaria.

O edil naronés explicou que poderán asistir todas as persoas que o desexen, non sendo preciso inscribirse previamente. “Trátase dunha proposta dirixida a persoas de diferentes idades, interxeracional, na que os rapaces e rapazas poderán realizar diferentes actividades vencelladas ao medio ambiente”, asegurou. Principios básicos de enerxía solar térmica aplicada á cocción solar; modelos e tipos de cociñas solares; usos e funcionamento de cada modelo; prácticas de pasteurización e cocciónmontaxe dun pasteurizador e unha cociña solar de baixo custo forman parte das propostas deste obradoiro. A maiores, durante a mañá tamén se poderá participar nun obradoiro de Pinta sol e pirógrafo solar e haberá mostras lúdicas da aplicación solar fotovoltaica e de concentración.

“Son actividades participativas, lúdicas e ao tempo formativas, nas que se poderán aprender moitos conceptos ecolóxicos e técnicas e procedementos de construción e uso da enerxía solar”, apuntou Galego, que animou a asistir ás veciñas e veciños da cidade e doutros concellos.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar