Preto de 300 escolares de oito centros de ensino da cidade participaron nas “III Olimpíadas Escolares Virtuais” organizadas polo Concello

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Olimpíadas Escolares 2020 (1).jpg

As mozas e mozos realizaron unha proba teórica e participaron nun circuíto de habilidade.

Un total de 273 alumnas e alumnos de quinto e sexto curso de educación Primaria de oito centros de ensino da cidade participaron na terceira edición das “Olimpíadas Escolares Virtuais” organizadas polo Concello. O edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, agradeceu a implicación do alumnado e do persoal dos centros de ensino, xuíces, Confederación Nacional de Autoescuelas e empresas colaboradoras “para poder celebrar un ano máis estas olimpíadas, este ano adaptadas á situación sanitaria pero que novamente tiveron unha excelente acollida”. Romero felicitou a todos os participantes e, en especial ao alumnado do colexio da Gándara, que obtivo o primeiro premio. 

Este ano participou nesta proposta do Equipo de Educación Viaria de Narón o alumnado de quinto de educación Primaria dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros, O Feal, A Solaina e Virxe do Mar e de sexto curso do Jorge Juan, A Gándara e Ayala. As diferentes probas destas olimpíadas comezaron a desenvolverse o pasado mes de outubro, cunha fase teórica que maioritariamente se levou a cabo a través da plataforma Zoom.

A continuación, dende mediados deste mes tivo lugar a parte práctica, na que o alumnado realizou un circuíto de habilidade no que participaban unha alumna e un alumno por cada centro. A fase final realizouse a pasada semana, tamén a través da plataforma Zoom, e na mesma participaron tres rapazas e tres rapaces de cada centro escolar, elixidos dende os propios colexios.

Co resultado da puntuación do test teórico e do circuíto de habilidade obtívose a puntuación de cada un dos centros. No teórico os participantes abordaron varias áreas: Educación Viaria, Matemáticas e inglés aplicados á Educación Viaria, Medio ambiente e sostibilidade e Patrimonio do Concello.

En canto á clasificación da final, o primeiro lugar foi para o alumnado da Gándara e de segundo e terceiro quedaron os de Ponte de Xuvia e A Solaina, respectivamente. Respecto aos premios, entregaranse drons, un ano gratuíto de alugueiro dunha bici; menús para unha clase e tamén xogos.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar